Amosando publicacións coa etiqueta "Eneida II". Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta "Eneida II". Amosar todas as publicacións

martes, 7 de xaneiro de 2014

Eneida 2.31-34

[Aen. 1.29-30. Estes dous versos non son comentados por Tiberio Claudio Donato]

pars stupet innuptae donum exitiale Mineruae
et molem mirantur equi ...

Unha parte fica abraiada perante o fatídico agasallo á non desposada Minerva e admiran a mole do cabalo : algúns estaban abraiados non soamente pola pericia da técnica senón tamén polo tamaño do aparello.

... primusque Thymoetes
duci intra muros hortatur et arce locari,
siue dolo seu iam Troiae sic fata ferebant.

E o primeiro Timoetes anima a que sexa levado dentro das murallas e a que sexa colocado na fortaleza, xa por connivencia co inimigo xa porque así o quería o destino de Troia : tralo desenlace dos feitos a proposta deste [de Timoetes] produciu dúbidas e, porque non houbera ningunha evidencia, considerouse que expuxera o seu parecer en parte con ánimo traidor en parte de modo inocente, traidor por isto, porque foi o primeiro que animou aos demais a que se levase o cabalo ao templo de Minerva, de modo inocente por isto, porque estaba claro que o poder de Troia desaparecera a causa dunha forza máis grande.

domingo, 5 de xaneiro de 2014

Eneida 2.26-28

ergo omnis longo soluit se Teucria luctu;
panduntur portae, iuuat ire et Dorica castra
desertosque uidere locos litusque relictum :

Así pois toda Teucria liberouse dun longo pesar. Ábrense as portas de par en par, gusta ir e ver o campamento dos dorios, os lugares desertos e a costa abandonada: nesta pasaxe evidénciase a natureza dos troianos; pois cando se creu e foi confirmado por diversos indicios que o furor da guerra desaparecera pola marcha do inimigo, o pesar de tan longo tempo rematou e abrimos as portas, incluso tamén ousamos avanzar un pouco, visitar os lugares que o inimigo ocupara e finalmente abandonara, e ver os lugares desertos, libres dos inimigos, lugares que había pouco cheos deles o ánimo aborrecía.

Eneida 2.21-25

Est in conspectu Tenedos, notissima fama
insula, diues opum Priami dum regna manebant,
nunc tantum sinus et statio male fida carinis:
huc se prouecti deserto in litore condunt;
nos abiisse rati et uento petiisse Mycenas.

Á vista está Ténedos, unha illa de moita sona, rica en recursos, mentres o reino de Príamo existía, agora soamente unha baía e unha rada de pouco fiar para as naves. Chegados aquí agáchanse na deserta costa. Nós coidamos que marcharan e que co vento se dirixiran a Micenas : a descrición do lugar non se dá sen razón; pois se atopou un lugar de tales características que puidese ocultar as insidias dos inimigos e disipar as sospeitas dos troianos. Descríbese a prosperidade anterior deste lugar, pero o seu peor estado posterior. Pois se Dido pensase que conservaba a súa condición anterior esta illa, que todos os homes consideraban pola súa fama rica, non podería crer que puidese ser axeitada para levar a cabo as insidias dos gregos. Así pois toda a súa descrición busca desculpar a non percepción do engano. Por esta razón di que á vista estaba Ténedos, pero era unha illa á que non se podía cruzar con facilidade nin se podía ver nada alén dela; pois ocultaba o mar polo que estaba rodeada. Así pois era axeitada para as insidias dos gregos por mor da súa proximidade. Rica en recursos, mentres o reino de Príamo existía: importante, di, foi, pero estando en pé o imperio de Príamo. Dise isto, que foi noutro tempo importante, para que Dido abandone a idea da súa antiga prosperidade; pois se conservase a seu bo estado no mesmo momento no que se preparaba aquela actuación insidiosa, podería existir a sospeita de que *alí estivesen os inimigos sacando proveito da abundandia de vituallas (1). Así pois atribúeselle unha absoluta carencia de todo, para que todos poidan crer que alí os gregos, aínda que quixesen, por mor da carestía non poderían permanecer. Engádese tamén unha rada de pouco fiar para as naves para facer máis certa a crenza de que o medo ao inimigo desaparecera por completo, ao ofrecer a costa da illa unha rada perigosa. De pouco fiar, sen embargo, é unha rada onde se pode fondear, pero con desconfianza, isto é, onde podería xurdir un atranco, se aparecesen dificultades froito das correntes e das treboadas. O poeta puxo esta parte por esta razón, para que ficase claro que os troianos non sen razón pensaran que os inimigos partiran, non podendo aquel lugar sen perigo acoller aos que alí se achegaban. Nós coidamos que marcharan e que co vento se dirixiran a Micenas : concordando todo, di, a saber, a ofrenda deixada para Minerva, segundo espallara o rumor, a carencia de recursos da illa de Ténedos, e a rada pouco fiable da costa, coidamos que eles marcharan e que por mor do esgotamento dos moitos anos de campaña se dirixiran á súa patria con ventos favorables.

(1) esset suspicio potuisse hostes illic esse habentis annonae de celebritate substantiam

martes, 31 de decembro de 2013

Eneida 2.19-20

... penitusque cauernas
ingentis uterumque armato milite complent.

... e por completo enchen as inxentes cavernas e o seu ventre con milicia armada : cavernas, di, e ventre: por cavernas debemos entender os lugares que puideron estar fóra do ventre, como por exemplo lugares do pescozo, das patas de diante e das de atrás. Débese aprender tamén isto neste exemplo, calquera en circunstancias moito comprometidas para o estado, se así o pide a situación, debe tamén deixar de lado a súa vida.

xoves, 26 de decembro de 2013

Eneida 2.18-19

huc delecta uirum sortiti corpora furtim
includunt caeco lateri ...

Aquí un escollido grupo de soldados, designado pola sorte, encerran no escuro interior que clase de homes debían ser encerrados nas cavidades secretas do cabalo ou de que maneira foran escollidos de entre moitísimos, porque se produciu unha necesidade común a todos e eran levados por un grande desexo de acadar o seu obxectivo,  trata o poeta, aínda que o pon en boca de Eneas. Pois quere dar exemplo de que se debe facer en tales circunstancias, de modo que con risco duns poucos se consiga o que se espera sexa moi beneficioso para todos. Son escollidos, di, as egrexias persoas de varóns valentes e, como el mesmo mostrou cando se abriu o cabalo, non de plebeos, senón de xenerais, isto é, dos mellores. E porque o descoñecido é temible para todos e non poden ser escollidos pola súa propia vontade, a sorte, di, deu de entre os primeiros e os máis dos valentes aos que o cabalo puidese acoller e ocultar. 

mércores, 25 de decembro de 2013

Eneida 2.17

uotum pro reditu simulant; ea fama uagatur.

unha ofrenda, di, polo seu regreso simulan, ese rumor esténdese. Espallouse unha impresión totalmente falsa, para que os troianos cresen que eles, os gregos, abandonado o desexo de combateren, regresarían á súa terra, e para que no regalo que coa excusa do regreso ían deixar, ningunha causa de inquedanza ficase. En troques por esta razón os gregos por propia iniciativa difundiran isto como se fose certo, para que a causa da construción do cabalo por moitas e diferentes cavilacións non se lles ocorrera aos que a vían. Así pois esta versión, porque non se puido manter en segrego por mor do seu tamaño a construción do cabalo, tomou verosimilitude e foi divulgada. En troques, o que puido descubrir as insidias, se se coñecese, foi levado a cabo ás agachadas. Finalmente, sobre o cabalo, dixo, esta nova esténdese; cando chega á outra parte das insidias, que conviña manter oculta, di ....


martes, 24 de decembro de 2013

Eneida 2.15-16

instar montis equum diuina Palladis arte
aedificant, sectaque intexunt abiete costas;

da altura dun monte un cabalo coa divina arte de Palas constrúen e entrelazan as costas con abeto cortado : velaquí o feito dos covardes! Optaron polas insidias, para poderen obter coa axuda do engano a vitoria imposible no campo de batalla. Por iso da altura dun monte o cabalo de Palas constrúen e coa divina arte as súas costas entrelazan. Pero, por que en nome de Palas foi construído? Dáse así o pretexto para que os homes poidan ser apartados da sospeita das insidias.

Eneida 2.13-14

Crebados pola guerra e polos fados rexeitados os xenerais dos dánaos pasando xa tantos anos : bastante sutil e artificiosa é a narración dun home evidentemente vencido, e que parecería non poder axudar nin a si mesmo, nin aos seus nin á súa patria, e a axuda do cal debeu parecer a Dido, temerosa de todo, imprescindible, axuda que non se puido converter nunha esperanza fundada, se Eneas primeiramente non exculpase a súa persoa cunha defensa xusta. Pera esta <defensa> toma como fundamento o tempo e a persoa, "a nós", di, "o que é causa de máis dor, non nos venceron <homes> valentes e esforzados na guerra". Para mostrar e probar isto mesmo máis rapidamente, engadiu un argumento a persona, como se dixo, e a tempore. A persona así: crebados pola guerra ; pois ninguén, a non ser o covarde, é crebado pola guerra, ninguén pola guerra é crebado a non ser pola valentía do que se lle opón. A tempore así: pasando xa tantos anos, porque en loita aberta durante moitísimos anos non puideron obter a vitoria. E polos fados rexeitados : "aínda que", di, "o imperio de Troia puido manterse en pé co consentemento dos fados, foron rexeitados pola nosa valentía os xenerais dos dánaos".

sábado, 21 de decembro de 2013

Eneida 2.3-13

Mandas, raíña, reavivar unha inenarrable dor, como as riquezas troianas e o seu reino, digno de ser chorado, destruíron os dánaos, cousas tristísimas que eu mesmo vin e das que fun parte importante: quen, ao narrar tales cousas, dos mirmidóns ou dos dólopes, ou soldado do duro Ulises podería deixar de chorar? E xa a húmida noite precipita dende o ceo os soños e os astros ao declinaren incítanos (1). Pero se tan grande é o desexo de coñeceres as nosas andainas e de oíres brevemente o derradeiro sufrimento de Troia, aínda que o meu ánimo aborrece lembrar e foxe da mágoa, comezarei. O inicio desta narración contén moitas virtudes oratorias: pois Virxilio lembra o lugar, o tempo e os personaxes e *obriga ao propio Eneas a aterse a estas circunstacias (?) (2). Cando quere mostrar isto, introduce a un mesmo tempo e por extenso moitas cousas, que non convirían nin ao lugar, nin ao tempo nin aos personaxes. Estas cousas eran incluso moi contraproducentes para o que ía falar; pois oír cousas tristes e contar as propias dores non é conveniente e golpea o ánimo dun modo non soportable. Pero porque a raíña desexaba saber estas cousas e á súa vontade por mor do tempo non se lle podía negar unha relación exacta, acode ao remedio da brevidade, de modo que nin el mesmo narrando cousas terribles para  moitos padecese un longo sufrimento nin, fuxindo o tempo do descanso, obrigase a Dido pasar a noite en vela. Neste lugar ademais dos preceptos da arte Virxilio aprende que cómpre observar en tales circunstancias; pois aínda que toda a narración debe estar presidida pola brevidade, cómpre que sexa máis concentrada entón cando se contan os males propios. Pois ninguén conta estas cousas, agás que, como Eneas, fose forzado por algunha necesidade. De aquí se deduce, polo contrario, que non se debe considerar un vicio por parte do que narra, se na narración de asuntos felices se demora un pouco; pois como é natural as cousas positivas compracen ao que narra e animan ao que oe. Abordemos, xa que logo, mandas, raíña, reavivar unha inenarrable dor : todas as dores que nacen de malos sucesos non teñen unha mesma causa e por iso non poden ser iguais. Hainas así pois lixeiras, hainas medias, hainas moi graves, hainas froito de moitos e diferentes infortunios e con razón inenarrables. Repite pois con outras palabras a petición de Dido, para mostrar que a relación de moitos e graves males debe realizarse de modo breve e no momento no que o tempo ou lugar permitan tirar de aí algo de importancia (?) (3). Pero no contexto dun banquete moi alegre e precipitando xa a noite dende o ceo os soños, nada triste nin extenso, afirma, debe contarse, nin buscarse un tipo de historias inapropiado tamén para o personaxe que vai narrar. Porque Eneas non males alleos, senón os propios ía contar e resultado de infinitas adversidades, por esta razón di mandas, raíña, reavivar unha inenarrable dor, como as riquezas troianas e o seu reino, digno de ser chorado, destruíron os dánaos. O que dixo dánaos, con desprezo debe pronunciarse como se se tratase de homes covardes e carentes de virtudes, troianas en troques como grandes e dignas de ser choradas con razón. Cousas tristísimas que eu mesmo vin e das que fun parte importante : pois perdera o seu reino, viu feitos dignos de lástima na morte de Polites e de Príamo, viu perecer coa patria todas as riquezas do reino, perdeu tamén a súa dona e a seu pai e tras perder todo aínda era perseguido por innumerables males. Certamente non era apropiado que a propia Dido no medio de tanta ledicia oíse o que enumerando faría que chorase as súas desgracias (?) (4). Por esa razón engadiuse quen, ao narrar tales cousas, dos mirmidóns ou dos dólopes, ou soldado do duro Ulises podería deixar de chorar? Tales cousas desexas oír, di, daquel que as padeceu, que se os propios inimigos as contasen ou as oísen, non poderían deixar de chorar. Pois alí estaba un dos gregos, Aqueménides, do que afirma que choraría, se coñecese as desgracias de Troia. Tampouco o tempo que se concede ao descanso dos homes, non ás historias, debe ser malagastado con moita conversa. O que di e xa a húmida noite precipíta dende o ceo os soños e os astros ao declinaren incítanos algúns interprétano así : a noite precipítase dende o ceo e <entenden> praecipitat posto no canto de praecipitatur (5). Pero non é así e convén que se entenda mellor así: e xa a noite húmida dende o ceo precipita os soños e incitan os astros ao declinaren aos soños, de modo que é o mesmo ao que incitan os astros ao declinaren, có que a noite húmida precipitaba dende o ceo. Isto quixo dicir : xa pasou a metade da noite, pois xa comezou a caer o orballo (6) e os astros esvaran cara occidente. Pois isto non acontece senón cando xa transcurriu a meirande parte da noite. Pero se tan grande é o desexo de coñeceres as nosas andainas e de oíres brevemente o derradeiro sufrimento de Troia, aínda que o meu ánimo aborrece lembrar e foxe da mágoa, comezarei : se, di, cousas duras gustas de oír, as miñas variadas mágoas resumirei nunha breve narración. Pois o que aborrece o ánimo lembrar debe ser tratado en rápida conversación. Comeza agora a responder á primeira petición e a contar as insidias dos dánaos.

Notas
(1) Aen. 2.8-9: ... et iam nox umida caelo // praecipitat suadentque cadentia sidera somnos. Dou a tradución segundo a interpretación de Tib. Claudio Donato no seu comentario.
(2) Aenean ipsum inducit proposita retinere
(3) si tempus aut locus admittat ut aliquid inde referatur
(4) quod mala sua fleret enumerans
(5) Respeto aquí o texto latino para que se entenda a contraposición. A interpretación máis común desta pasaxa entende praecipitat con valor de voz media, precipítase no sentido de descende con rapidez, pero Tib. Claudio Donato entende que ten valor transitivo, precipita no sentido de fai caer con rapidez, sendo o seu complemento directo somnos.
(6) aura umida

sábado, 7 de decembro de 2013

Eneida 2.2

Dende alí dende o seu elevado leito o pai Eneas comezou despois que se fixese o silencio: dende alí isto é dende o lugar no que estaba deitado, e dende o lugar elevado do leito, dende onde podía ser visto e oído mellor.

venres, 6 de decembro de 2013

Eneida 2.1

Lembrando o poeta os versos anteriores, porque dixo (1.725) "un grande froallo óese no palacio e os comensais fan resoar a súa voz polos espaciosos patios" e (1.740) "Iopas, o da longa cabeleira, toca coa súa cítara", e (1.747) " os tirios aplauden repetidamente e os troianos acompáñanos, tamén a infortunada Dido prolongaba a noite con animada conversación", deu comezo ao segundo libro con calaron todos, os tirios como é natural e os troianos, que facían froallo coas súas voces e aplauso, tamén Iopas e a propia Dido. Engadiu tamén e atentos tiñan fixos os ollos: e calaron, di, e eran levados polo desexo de escoitaren. Calaron en parte en honor (1) do que ía falar, en parte porque a mente dos homes se deleita coa composición de novas historias e querendo escoitar a raíña debía facerse o silencio, para non entorpeceren ao orador e impediren o desexo de Dido de escoitar.

Notas
(1) propter eius honorificentiam