Amosando publicacións coa etiqueta Tiberio Claudio Donato. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tiberio Claudio Donato. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Eneida 2.42-44

... 'o miseri, quae tanta insania, ciues?

Oh desgraciados concidadánas, que tolemia tan grande é esta? A invectiva dun home iracundo non é afrentosa para os seus concidadáns, senón precisa a prol do ben da comunidade, "desgraciados son", di, "os que expresan opinións que os van facer desgraciados". "Así credes que estas dúas cousas puideron acontecer sen engano?" Pois así escribiu:

creditis auectos hostis? ...


Credes que os inimigos marcharon? Pois os que durante tantos anos fixeran a guerra e non acadaran o desexado premio da vitoria, non estaban moito lonxe. "Credes tamén que iso pode ser seguro ou estar libre de engano, que sen dúbida se debe chamar agasallo o que os inimigos deixaron?" Isto é o que di ...

... aut ulla putatis
dona carere dolis Danaum? ...

ou pensades que hai algún agasallo dos dánaos carente de engano? "non soamente isto é sospeitoso", di, "senón tamén todo o que consideramos que baixo a apariencia de boa vontade deron os gregos. Cando dixo dos dánaos, non soamente quixo mencionar o nome do pobo senón tamén dunha raza de homes astuta, falsa, taimada e, para apoiar isto, presentou como proba a Ulises que non coñecía o ben e no mal estaba intruído dabondo:

... sic notus Vlixes?

Así évos coñecido Ulises? como se todos fosen de tal xeito que, aínda os que estaba claro que eran diferentes, puidese acontecer que polo exemplo de aquel sempre estivesen a cavilar nas peores cousas e as máis daniñas. "dos dánaos" así debe ser dito e expresado, como se todos fosen astutos e insidiosos. Isto mesmo expresado en xeral quixo corroborar coa alusión concreta que fixo despois. Pois doutro modo non podía convencer aos que tiñan outra opinión, a non ser que corroborase a intención da súa persuasión con probas máis evidentes, con afirmacións máis que coñecidas. Así évos coñecido Ulises? Fixo un bo uso dun recurso oratorio, de modo que a partir da moito coñecida astucia de Ulises  alcanzou a toda a nación coa mancha desa astucia. Comeza agora a facer público o que pensa, a partir evidentemente dun argumento tomado a persona e a tempore, pois dixera que eran astutos por natureza e que na guerra ou polo moitísimo tempo pararan peores.

martes, 7 de xaneiro de 2014

Eneida 2.35-42

at Capys, et quorum melior sententia menti,
aut pelago Danaum insidias suspectaque dona
praecipitare iubent subiectisque urere flammis,
aut terebrare cauas uteri et temptare latebras.

Pero Capis e aqueles que teñen unha mellor opinión no seu pensamento, mandan ben lanzar ao mar os insidiosos e sospeitosos agasallos dos dánaos, e porlles lume por embaixo, ben furar e explorar as tebras focas do seu bandullo : Capis, di, e outros que tiñan un mellor parecer; pero non se cosiderou entón que tivesen un mellor parecer, senón despois da destrución de Troia. Os que opinaban en contra do parecer de Capis dicían que se debían facer outras cousas, por iso di ...

scinditur incertum studia in contraria uulgus.

Divídise incerto o pobo en desexos contrarios. Pois como todo estivese baixo sospeita, non se puido afirmar nada con certeza. Así pois, que dicía o partido que opinaba en contra do parecer de Timoetes? Que había que sospeitar dos agasallos dos inimigos, en consecuencia había que os lanzar ao mar ou desctruílos co lume ou furar para os explorar.

primus ibi ante omnis magna comitante caterua
Laocoon ardens summa decurrit ab arce, 

No entretanto, incertos os pareceres de todos, alí o primeiro ante todos acompañado dunha grande multitude Laoconte, encendido, baixou a correr do alto da fortaleza. Está claro que Laoconte non estaba entre aqueles que debatían, no último momento baixaba a correr dende o alto da fortaleza cunha grande multitude excitado especialmente por mor das opinións froito de pareceres incertos, e temendo que esta incerteza redundase en prexuízo da cidade, desexaba impedilo (1). Aquí sen embargo dixo "encendido" non "apurado", como outros queren. Pois cando dixo baixou a correr certamente quixo significar apurado, e correr é máis que se apresurar. Resta así pois que diga encendido con outro sentido, a saber no sentido de vixiante por natureza ou no sentido de moito afectado polo ben de todos. Certamente non se vería forzado a correr, de non ser excitado pola forza precisa do seu ánimo.

et procul ...

E dende lonxe : tan axitado e tan turbado mostra o poeta que estaba aquel, que aínda estando lonxe e antes de se mesturar cos que discutían, berraba en contra para que os sospeitosos agasallos dos inimigos non fosen introducidos na patria.

(1) quod incertum metuens ne in perniciem ciuitatis uerteretur praeuenire cupiebat.